Tuesday 24 de September de 2024

Turismo de Galicia reuniuse co colectivo de guías de Galicia para potenciar a difusión dos produtos turísticos da comunidade


Na xuntanza celebrada en Santiago, o departamento de Turismo da Xunta fixo fincapé na alta demanda da oferta relacionada coa natureza e a cultura

Un amplo grupo de guías turísticos da Comunidade galega participaron na reunión organizada por Turismo de Galicia co obxecto de afondar na divulgación entre os profesionais galegos dos produtos que conforman a oferta turística e que estes os poidan difundir en toda a súa dimensión entre os visitantes que se achegan ao noso territorio.

Nesta xuntanza, na que por parte de Turismo de Galicia participaron o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, os directores de Competitividade e Promoción, José Luis Maestro e Carmen Pita, respectivamente, e os responsables das áreas de Produtos, Proxectos e Accións Promocionais, e Imaxe e Xestión de Marca, fíxose fincapé na importancia que lle outorgan á natureza e á cultura os visitantes que se achegan a Galicia.

Neste ámbito, preto do 50% das persoas que nos visitan declaran que elixen Galicia por mor da súa natureza e a súa cultura, o que levou a Turismo de Galicia a desenvolver produtos específicos para satisfacer a demanda.

Espazos naturais e Centros BTT
Durante esta xuntanza fíxose un repaso polos produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura máis destacados e demandados, entre os que salientan os espazos naturais da Comunidade galega, as rutas de sendeirismo e os centros de bicicleta todo terreo, no eido da natureza; e o Camiño de Santiago, o patrimonio relixioso, os xacementos arqueolóxicos e os conxuntos históricos das cidades galegas, no eido cultural.

Neste sentido, os guías de turismo de Galicia recibiron ampla información para poder prescribir estes produtos turísticos e comunicar o xeito de acceder a eles.

Os guías turísticos de Galicia tamén tiveron a oportunidade de coñecer de preto os dez produtos cabeceira do turismo galego –Camiño de Santiago, Bosques de Galicia, Turismo mariñeiro, Santuarios máxicos, Ruta da camelia, Faros e praias salvaxes, Mananciais de Galicia, Paseando entre viñedos, Patrimonio oculto e Lugares únicos-, creados ao obxecto de apoiar a comercialización dos recursos turísticos máis característicos da Comunidade galega.

Neste caso, representantes de Turismo de Galicia explicaron a oferta turística que comprende cada un deses produtos, así como o xeito de acceder a eles e á súa plataforma de venda.

Ademais, no que atinxe aos produtos cabeceira, tamén se puxo de manifesto o éxito da combinación dalgúns deles, como é o caso da Ruta da camelia e Paseando entre viñedos, que deu orixe a Viños e camelias, que combina a enoloxía coa riqueza patrimonial dos pazos galegos.

Camiño de Santiago
A reunión celebrada hoxe en Santiago contou cun apartado para o Camiño de Santiago, no que o xerente do Xacobeo falou das principais actividades que desenvolve Turismo de Galicia arredor da Ruta Xacobea, tanto no eido da promoción como da xestión das distintas rutas que conforman o Camiño en Galicia.

Neste sentido, Sánchez Bargiela referiuse á promoción dos Camiños do Norte con motivo da recente declaración como Ben Patrimonio da Humanidade destas rutas e os seus monumentos, a posta en funcionamento do Centro Internacional de Acollida de Peregrinos e a actuación integral prevista nas instalacións do Monte do Gozo en Santiago de Compostela.

En canto á Ruta Xacobea, Rafael Sánchez tamén se referiu ao Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021, como elemento fundamental do desenvolvemento futuro deste primeiro itinerario cultural europeo, así como á rede pública de albergues.

Xeodestinos
Por último, nesta xuntanza, o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, explicou a organización turística territorial na Comunidade galega a través dos xeodestinos, creados para territorializar e homoxeneizar a oferta turística de Galicia, como novo xeito de promovela e comercializala e co obxectivo de optimizar a súa posta en valor e facela máis accesible.